Hoxe un rapaz de segundo levou a clase un animal que capturara. Era un lagarto ocelado e, a pesar de que perdera a cola, tiña unhas cores moi brillantes e fermosas. Estaba gardado nunha caixiña de plástico transparente cuns buratiños para que puidese respirar, xa que se trata dun ser vivo.
Como xa sabemos e estudamos na clase, os lagartos son animais vertebrados, en concreto réptiles. Este tipo de animais caracterízanse porque teñen o corpo cuberto de escamas, como puidemos comprobar cando o vimos de preto. Nas patiñas notábanse moito!
Respiran por pulmóns e son animais terrestres porque viven na terra, aínda que algúns tamén pasan tempo na auga, como os caimáns ou crocodilos.
Segundo a súa reproducción son animais ovíparos, que quere dicir que nacen de ovos.
E as súas extremidades son patas curtiñas ou non teñen, polo que se desprazan camiñando ou reptando, como as serpes.
Gústavos este asombroso animal? A nós sorprendeunos moitísimo. Estamos moi agradecidos de que o neno de segundo compartise con nós esta experiencia e esperamos que leve esta pequena criatura de volta á natureza, que é onde debe vivir.
Aínda que non sacamos fotos do lagarto, deixámosvos aquí unha imaxe para que vos fagades unha idea de como era este asombroso ser vivo. A algunhas persoas dalles noxo ou medo, pero a nós gustounos moito. Que opinades vós?